Publicacións populares

mércores, 9 de febreiro de 2022

Comunicado do Colectivo Berro Seco para reclamarlle ao presidente da Xunta a eliminación das restricións sociais e o fin de todo uso obrigatorio da máscara sanitaria nos centros educativos.

 

            Hai uns días coñeciamos que a Sociedade Catalá de Pediatría pedía o fin das restricións por mor da COVID-19 nas escolas. Reclaman as pediatras catalás retirar a máscara tanto dentro coma fóra da aula, eliminar os grupos de convivencia estable, e rematar coa estratexia de corentenas e test masivos.

             Onte enterabámonos de que, se ben o goberno do estado decidiu derrogar o decreto que obrigaba a levar a máscara en exteriores, e o facía extensivo ao patio dos colexios, a Xunta de Galicia persiste en obrigar as crianzas a seguir co tapabocas posto en todo momento, dentro e fóra da aula, ademais de seguir vixentes todas as outras medidas adoptadas nos protocolos COVID dos centros educativos (separación por grupos, prohibición de compartir material escolar, de xogo, comida etc., disciplina militar en canto a entradas e saídas do centro, circulación dentro do mesmo, ou uso dos baños e bibliotecas). Ademais, ao abeiro das medidas contra a COVID, na práctica as crianzas atópanse con que se pode prohibir calquera cousa "porque hai covid".

 


             Mentres nalgúns países da nosa contorna, coma o Reino Unido, e seguindo as recomendacións da OMS, que din que non hai evidencia de que o uso de máscaras en menores de 12 anos sirva para algo -os menores desa idade foron eximidos de usar as máscaras-, aquí leváronas e séguenas levando durante xornadas de 6, 8 ou 11 horas, se temos en conta as horas de escola/instituto, transporte escolar, actividades extraescolares. Nun momento onde é primordial a socialización para o desenvolvemento psicomotriz e da linguaxe, as nosas crianzas víronse reprimidas e sometidas ao illamento dos seus semellantes durante dous longos anos xa, o que para algunhas supuxo xa unha porcentaxe moi importante da súa vida. Durante todo este tempo non fixemos máis que recibir alarmantes noticias sobre as repercusións que todas estas medidas podían ter nas criaturas, e vimos como aumentaron os cadros de ansiedade e mesmo os suicidios en adolescentes. 

            As criazas e adolescentes levan recibido un forte impacto polas circunstancias da pandemia, o que nos parece máis grave aínda se temos en consideración que son a franxa de idade que menos enferma por causa da COVID, e na que menos grave é a doenza. A política de facer recaer sobre as crianzas a responsabilidade da transmisión, tratándoos como supercontaxiadores, é cruel e debe rematar xa. Débese protexer ás persoas vulnerables, pero nunca a costa da saúde dos nosos menores.

            Todas as vagas foron demostrando que a covid é unha doenza leve en nenos e nenas, e que o emprego de medidas excesivamente restritivas non consegue eliminar a transmisión pero si provoca problemas importantes sobre a saúde mental das nosas crianzas e adolescentes.

             Antes de rematar queremos facer as seguintes preguntas: Como é posible que a Xunta do Sr Feijoo defenda a supresión da máscara ao aire libre e acto seguido a siga impoñendo nos patios dos centros educativos? Iso non se considera espazo exterior?   

     

Reclamamos que se remate coas medidas restritivas no tocante á relación entre as persoas dentro e fóra da aula, que se supriman as máscaras e que se trate por igual a crianzas vacinadas e non vacinadas, sen impoñer medidas segregacionistas e coercitivas, como a de impoñer maiores corentenas a crianzas e adolescentes non vacinadas e sans.

Reclamamos tamén que en ningún caso se lle poida esixir pasaporte covid aos menores para acceder a ningún lugar, e que se deixe de presionalos e responsabilizalos polo que lles poida pasar aos maiores, cando o cometido da sociedade é, antes que nada, protexer a infancia.

 

 

Ligazóns de interese:

 

 https://www.savethechildren.es/notasprensa/save-children-alerta-de-que-la-pandemia-ha-triplicado-el-numero-de-trastornos-mentales

https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0031395521000808?via%3Dihub

https://www.sanidad.gob.es/biblioPublic/publicaciones/recursos_propios/resp/revista_cdrom/VOL94/C_ESPECIALES/RS94C_202010141.pdf

https://www.elindependiente.com/vida-sana/salud/2022/01/20/logopedas-y-pediatras-observan-un-retraso-en-el-desarrollo-del-habla-en-ninos-por-la-mascarilla-y-restricciones/?utm_source=share_buttons&utm_medium=twitter&utm_campaign=social_share&fbclid=IwAR1zCEDcyuNfH-4PEt2buH4UJeyY0-tdIdmknhuXbQ-VFn4eD4zLLgUS9zw

https://escuelaycovid.es/hacia-el-fin-de-la-excepcionalidad/

Ningún comentario:

Publicar un comentario

CHARLA INFORMATIVA EN BETANZOS