Publicacións populares

xoves, 17 de marzo de 2022

 

 

 

 

HISTORIA DA OBXECCIÓN DE CONCIENCIA
Nos últimos anos da ditadura franquista comezan a darse as primeiras obxeccións de conciencia ao servizo militar obrigatorio. O risco persoal para os mozos que se facían obxectores de conciencia en pleno franquismo chegaba ata o fusilamento. Non se deron casos da pena capital pero si ingresos en prisión. A desobediencia en pleno franquismo fixo que na redacción da constitución se incluíse no artigo 30 o dereito fundamental a obxección de conciencia.
Durante os primeiros anos constitucionais a obxección de conciencia está recoñecida constitucionalmente pero non regulada. No ano 1984 o Congreso aproba a lei de obxección de conciencia e a prestación social substitutoria que supoñía que os mozos que non fixeran a mil (12 meses) estaban obrigados a facer unha prestación social que duraba, ao principio tres anos e despois dezaoito meses. A resposta do movemento de obxección foi dar paso á insubmisión que consistía na desobediencia pacífica negándose a facer a prestación social.
Entre os anos 1971 e 2002, ano este último no que se elimina o servizo militar obrigatorio e a prestación social, danse multitude de mobilizacións de protesta en forma de manifestacións, fanse concertos, charlas informativas e prodúcense os primeiros xuízos e ingresos en prisión.
En Galicia o movemento de obxección de conciencia tivo sempre unha gran forza sendo o primeiro obxector do ano 1975. Tamén houbo ingresos en prisión e, coincidindo coa primeira guerra do golfo, as porcentaxes de obxección de conciencia chegaron a superar o 75 % dos mozos que tiñan que incorporarse á mili.


A OBXECCIÓN COMO DEREITO HUMANO

A obxección de conciencia é un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereito Humanos e desde una ética racional considera que o individuo debe responder, en primeiro lugar, á propia conciencia. A obxección de conciencia defínese como un dereito subxectivo a resistir os mandatos da autoridade cando contradí os propios principios éticos e/ou morais.


SITUACION LEGAL ACTUAL DAS PERSOAS MAIORES DE IDADE CON RESPECTO AO EXÉRCITO ESPAÑOL
A Lei 17/1999, de 18 de maio, de Réxime do Persoal das Forzas Armadas eliminou de facto a mili (servizo militar obrigatorio) mais foi o Real Decreto 247/2001 o que cumpriu co aspecto formal da súa supresión. Porén, é preciso dicir que este Decreto deixa aberto no artigo 2º a súa futura restauración.
Artigo 2º.-
“Los españoles que en dicha fecha se encuentren prestando el servicio militar o lo tengan pendiente y estén clasificados como aptos, con aplazamiento de incorporación o pendientes de clasificación, pasarán a la reserva del servicio militar.”
Pola contra, o artigo 2 do REAL DECRETO 342/2001, de 4 de abril, polo que se suspendea prestación social substitutoria do servizo militar non establece mecanismo ningún para a súa restauración, o que implica que os mozos e mozas poderían atoparse coa obrigatoriedade de se incorporar ao exército sen posibilidade legal regulada de obxectar.
Artigo 2 “Los objetores de conciencia que en dicha fecha se encuentren en situación de disponibilidad o de actividad pasarán a la situación de reserva de la prestación social sustitutoria.”
O artigo 2.c do Real Decreto 383/2011, de 18 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de Reservistas das Fuerzas Armadas onde se sinalan os tipos de reservistas, recolle a figura de reservista obrigatorio: “Reservistas obligatorios: Los españoles, con una edad comprendida entre los diecinueve y los veinticinco años, que sean declarados como tales por el Gobierno de acuerdo con la ley”. Isto significa que todas as persoas maiores de idade e que teñan menos de 25 anos, que non tiveran feito trámite ningún para se declarar como obxectoras de conciencia, están na condición de reservistas obrigatorios do exército español.
A Lei de Seguridade Nacional –en trámite no Congreso dos Deputados no momento de redactar este manual (15 de marzo de 2022)- configura a Seguridade Nacional como a acción do Estado dirixida, entre outras cousas, a garantir a defensa de España e os seus principios e valores constitucionais, así como a contribuír xunto aos socios e aliados á seguridade internacional no cumprimento dos compromisos asumidos. Esta Lei ten previsto recoller no seu artigo 28:
“Artículo 28.- Participación del sector privado en la contribución de recursos a la Seguridad Nacional
1. Los ciudadanos y las personas jurídicas están sujetos al deber de colaborar, personal o materialmente, en la situación de interés para la Seguridad Nacional, en caso de requerimiento de la autoridad competente, siguiendo las directrices del Consejo de Seguridad Nacional o de la autoridad funcional, de acuerdo con lo establecido en el artículo 30.4 de la Constitución y en los términos de esta ley.
2. En los casos de situación de interés para la Seguridad Nacional, cualquier persona, a partir de la mayoría de edad, estará obligada a la realización de las prestaciones personales que exijan las autoridades competentes, siguiendo las directrices del Consejo de Seguridad Nacional o de la autoridad funcional, sin derecho a indemnización por esta causa, y al cumplimiento de las órdenes e instrucciones, generales o particulares, que aquellas establezcan.
A citada lei non contempla prazo ningún para que as cidadás poidan manifestar a súa obxección de conciencia ás obrigas militares activas e pasivas que decida impoñer o Consejo de Seguridad Nacional ou a Autoridad Funcional.
Isto, na practica, vai significar que todas as persoas do Estado Español estarán obrigadas a facer o que o goberno ditamine unha vez que se teña declarada a emerxencia nacional, sen excluír a incorporación e ou colaboración co exército español mesmo en situacións de guerra.


QUE É SER UN/UNHA RESERVISTA
A figura legal de estar na reserva significa en poucas palabras que se é unha persoa que a nivel legal en calquera momento pode ser chamada para se incorporar ao exército e que, no momento en que o goberno do estado decida tal medida, se pasa a ser considerada un militar e, polo tanto, empeza a aplicárselle o código penal militar e non o código penal común.
“Artículo 2.1 do do Real Decreto 383/2011 . Definición y clasificación de reservistas.
1. Son reservistas los españoles que, en aplicación del derecho y deber constitucionales de defender a España, pueden ser llamados a incorporarse a las Fuerzas Armadas para participar en las misiones definidas en la Ley Orgánica 5/2005, de 17 de noviembre, de la Defensa Nacional.”


QUÉ CONLEVA COMUNICARLLE A OBXECCIÓN DE CONCIENCIA AO EXÉRCITO ESPAÑOL
No momento no que se redacta este manual comunicar a obxección de conciencia non ten implicación, xa que o “Real Decreto RD 700/99, por el que se aprueba el Reglamento de la objeción de conciencia y prestación social sustitutoria” non está en vigor, dado que a prestación social substitutoria foi abolida polo “REAL DECRETO 342/2001, de 4 de abril, por el que se suspende la prestación social sustitutoria del servicio militar”.


QUEN DEBE FACERSE OBXECTOR DE CONCIENCIA
Principalmente todos os mozos e mozas que teñan entre 18 e 25 anos, debido á súa situación legal de RESERVISTAS OBRIGATORIOS, así como todas as persoas maiores de idade que non teñan sido recoñecidas como obxectoras de conciencia antes da supresión do servizo militar obrigatorio.
Dado que nos últimos anos houbo un avance na igualdade de dereitos e obrigacións das mulleres no ámbito lexislativo e que nos incorporaron ao exército profesional é imprescindible que nosoutras tamén fagamos a obxección de conciencia xa que ao contrario do que acontecía no pasado, poderiamos ser chamadas a filas e incorporadas ao exército de xeito forzoso de igual maneira ca os homes.


COMO FACERSE OBXECTOR DE CONCIENCIA
1º.-Deberase enviar a instancia que se anexa ao MINISTERIO DE DEFENSA e ao CONSEJO NACIONAL DE OBJECION DE CONCIENCIA, quedando con copia e arquivándoa en lugar seguro por varios anos. A comunicación recoméndase que se faga nas Delegacións ou Subdelegacións do Goberno de España de xeito presencial. De non ser así, pódese facer uso do envío por medio da sede electrónica do goberno.


E IMPRESCINDIBLE QUEDAR CUNHA COPIA DO ENVIO E COMPRE GARDAR A MESMA EN LUGAR SEGURO E, ADEMAIS, TER COPIA DELA NO MÓBIL.
2º.-Enviar copia, en pdf ou jpg, da comunicación ao seguinte enderezo electrónico
obxeccionberroseco@gmail.com
Respectaremos a RGPD e a túa privacidade. Este envío é moi importante porque sen organización colectiva de obxectores de conciencia e insubmisos o goberno pode IGNORAR este dereito fundamental e impoñer castigos directos e/ou indirectos por non incorporarse ao exército.
3º.-Podes incorporarte á canle de difusión de Berro Seco Colectivo de Telegram para manterte ao día nos cambios lexislativos que se poidan dar, para a auto-organización, para coñecer os actos informativos e as mobilizacións nas que participar para defender este dereito.


POR QUE É IMPORTANTE FACERSE OBXECTOR?
Os cambios lexislativos introducidos na lexislación española nos últimos anos permítenlle ao goberno español pasar a millóns de persoas da situación de reservista obrigatorio a incorporalos ao exército español coa simple declaración da existencia dunha “emerxencia nacional”. Isto pode ser co obxectivo de manter “recluídas” as persoas máis novas en casos de descontento social moi alto por causas do deterioro económico-social ou para adestrar e enviar a guerras actualmente previsibles pola escaseza dos recursos enerxéticos, mineiros etc. que empezan a darse a nivel global. Tampouco debemos descartar nos vindeiros anos guerras que sexan produto das tensións derivadas do cambio climático ou das medidas políticas que os gobernos introduzan por esta situación.


BERRO SECO E A OBXECCIÓN DE CONCIENCIA
Desde a nosa firme condición de persoas contrarias ás guerras RECLAMAMOS A INMEDIATA SAÍDA DO ESTADO ESPAÑOL DA OTAN e esiximos que as distintas visións dos problemas internacionais se solucionen mediante o diálogo e as negociacións, pois entendemos que son a mellor maneira de solucionar os conflitos e a única de non transmitirlles aos civís e ao pobo os problemas das elites. Entendemos que a obxección de conciencia e a insubmisión ás guerras son a mellor maneira de impedir estas e avogamos pola non participación das persoas nelas e pola abolición das estruturas militares como a OTAN ou o exército español, destinando o orzamento que se emprega para gastos militares a eidos coma a educación, a cultura, a sanidade, os servizos sociais, o medio ambiente etc.

 

 




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Non á reforma do Regulamento Sanitario Internacional. Concentración, día 24, 12,00 horas Delegación do goberno.

Pola nosa saúde. Fora a dictadura da OMS Non ao acordo internacional de pandemias da OMS Non á modificación do Regulamento Sanitario Interna...