O colectivo Berro Seco polos Dereitos e Liberdades diante das decepcionantes decisións publicadas no DOG do día de hoxe, posiciónase contra a continuidade das políticas restritivas dos dereitos fundamentais prorrogadas pola Xunta de Galicia co silencio cómplice dos grupos da oposición.
Desde o comezo das limitacións e restricións de dereitos fundamentais todas as medidas tiveron un nesgo económico e mesmo ideolóxico difícil de soportar. A utilización do pasaporte covid non ten sustento ningún como medida sanitaria e si para o control social e o acoso das persoas que deciden tomar medidas de autoprotección ou de protección das súas crianzas distintas ás sinaladas pola Xunta de Galicia. Esiximos, pois, a inmediata retirada do “pasaporte covid” para calquera uso e a equiparación neste asunto cos outros Estados e coas outras comunidades autónomas do Estado Español que así o fixeron xa.
Que o pasaporte covid NON é unha medida sanitaria e que para nada serve como protección da nosa saúde é algo evidente a estas alturas. Por máis que a Xunta de Galicia insista, os datos evidencian que as persoas vacinadas contaxian e seguen contaxiándose da mesma maneira que as non vacinadas.
O Presidente da Xunta de Galicia admitía recentemente en declaracións a medios de comunicación que o “problema económico, social e laboral segue sendo un problema moi intenso” mais insiste en dar as costas a esta realidade. Pola contra, coa colaboración dos outros grupos parlamentarios, mantén o pasaporte como unha medida de segregación e castigo, violentando a boa parte da sociedade e creando confrontamento social unicamente para impoñer o seu criterio persoal (contrario á lei) de converter a vacinación nun acto obrigatorio. O acoso ao que a Xunta de Galicia está somentendo as persoas que deciden non vacinarse ou non vacinar os seus descendentes, ou que mesmo vacinadas, se negan a facer público o seu historial clínico, vulnera dereitos consagrados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e no Convenio de Oviedo ratificado polo Estado Español. A medida intenta converter as persoas que exercen o seu dereito a non vacinarse nas vítimas propiciatorias ás que culpar das nefastas consecuencias da política actual de desmantelamento e privatización da sanidade pública e do estrepitoso fracaso da campaña de vacinación.
O Señor Feijóo debe explicar publicamente que intereses o levan a manter a vixencia do pasaporte e que gaña con manter unha medida de control social (non sanitaria) que:
1.- Discrimina, coaciona e segrega, provocando división e confrontamento na sociedade.
2.- Xenera malestar e agrava a situación de crise que xa viven hoxe moitos sectores da sociedade, especialmente o cultural e o da hostelaría e a restauración. Os sectores nos que está vixente o pasaporte covid estanse vendo obrigados a actuar como represores da clientela, están tendo que asumir custes extra derivados da medida pero, sobre todo, están arriscándose a altísimas sancións económicas por vulneración da RGPD e doutros dereitos fundamentais.
3.- Impide que as persoas que, facendo valer os seus dereitos se neguen a facilitar datos de máxima protección relativos á súa saúde, poidan entrar en ximnasios e centros deportivos, visitar persoas en residencias de maiores, acompañar enfermos nos hospitais ou entrar en espectáculos e restaurantes.
Por todas estas razóns, Berro Seco solicita a inmediata retirada do pasaporte Covid para calquera uso e o fin das medidas absurdas e discriminatorias que pretenden converter na practiva a vacinación en obrigatoria e que persigan recortarlle á cidadanía calquera dereito ou liberdade.
<a href="https://www.freepik.es/fotos/certificado">Foto de Certificado creado por frimufilms - www.freepik.es</a>
Ningún comentario:
Publicar un comentario