Publicacións populares

sábado, 26 de marzo de 2022

FRONTE Á SÚA GUERRA, A NOSA REBELIÓN

 

 


 

No nome da “Seguridade” e da “Defensa do estilo de vida europeo”, nos últimos anos vimos asistindo a unha escalada por parte dos poderes públicos da agresividade na linguaxe e no debate, que se foi concretando en medidas orzamentarias e lexislativas para preparar as guerras que o capitalismo precisa para seguir acumulando a riqueza en cada vez menos mans. Guerra contra a sociedade, como foron moitas das medidas de xestión do coronavirus que, tiveron máis de traspaso de fondos públicos cara ás grandes farmacéuticas e de control social, que de medidas para conter a enfermidade e curar as persoas enfermas. Guerras tamén contra outros pobos, provocadas mediante intervencións directas ou indirectas, para roubar os recursos que o capitalismo precisa para seguir defendendo o seu estilo de vida, baseado no crecemento, no despilfarro de enerxía e nun consumo insostíbel que o planeta non pode resistir.

A seguridade para a poboación que nos venden desde as institucións é, en realidade, a seguridade que permite garantir os negocios do gran capital e que, pola contra, castiga e criminaliza as loitas do pobo que demanda solucións fronte ao impacto que na sociedade provocan as diferentes crises que vimos arrastrado -a crise de 2008, a da COVID19 ou a da guerra da OTAN contra Rusia- e que se concretan nun nivel alarmante do paro -especialmente no xuvenil-, na precarización cada vez maior da oferta laboral e no feito de que ter traballo xa non garanta un nivel de vida digno para moitas persoas (o número de traballadores e traballadoras pobres vai en aumento), no aumento dramático da pobreza e a exclusión social, en que o acceso á vivenda sexa cada vez máis difícil e, sobre todo, no feito de que se estean a desmantelar os servizos públicos -ensino e sanidade nomeadamente-; todo isto agravado polo encarecemento da vida e o desabastecemento de certos produtos.

O desabastecemento actual en materia de alimentación pon de manifesto as consecuencias para a poboación de anos de políticas agrarias e alimentarias orientadas prioritariamente á exportación, que provocaron a desaparición do campesiñado e con el da base sólida de produción de proximidade que asegura os alimentos básicos de cada día.

Con esta situación, as institucións europeas deciden cambiar as prioridades nos orzamentos pasando a adicar grandes cantidades de diñeiro a impulsar a militarización e a industria armamentística. Este capítulo foi amplamente debatido e contestado polo grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica no Parlamento Europeo na lexislatura pasada no marco do debate do Mecanismo Financieiro Plurianual para o período 2021-2027 no que se estipulan partidas concretas para crear un fondo novo de Defensa;  incrementase fortemente a partida adicada a fronteiras e seguridade e estipúlase dentro do Mecanismo Conectar Europa unha partida para facilitar a mobilidade militar.

Cómpre destacar tamén dous feitos máis: a creación do eufemisticamente chamado “Mecanismo de Apoio á Paz” para reforzar posíbeis accións conxuntas en países fóra da Unión e o cumio da OTAN de 2016 no que Estados Unidos lidera o impulso da militarización e presiona aos socios europeos para que gasten o 2% dos seus orzamentos en defensa.

Non cabe dúbida de que a preparación institucional para a guerra xa vén de atrás, e que o feito de manter a OTAN amosa que ao gran capital do mundo Occidental non lle interesa a paz, porque o sistema capitalista para manterse precisa da guerra.

Nesta semana, deuse un paso máis co lanzamento do que chaman embrión do futuro exército europeo mediante esa forza de “despregue rápido” cunha capacidade máxima de 5.000 efectivos e que queren ter lista a partir do 2025 e para a que comenzaron a realizar adestramentos militares por terra, mar e aire dous anos antes, xa que quizais o despregue ao que asistimos esta semana na Galiza por mar e aire, ademais de seguir fomentando a política do medo, tamén forme parte xa deste adestramento.

Tamén asistimos atónitas a un acordo político dos 27 -o noso goberno entre eles- de duplicar os fondos do Instrumento Europeo para a Paz con até 1.000 millóns de euros e tamén para seguir enviando armas financiadas e coordenadas pola Unión Europea para apoiar a guerra da OTAN contra Rusia. O Presidente do goberno español, Pedro Sánchez á súa chegada ao Cumio da Otan do xoves, gabábase de ter aprobado a semana pasada un novo paquete de axudas a Ucraína, é decir á guerra da OTAN, por valor de 31 millóns de euros.

 

Ante todo isto, o colectivo Berro Seco na Defesa dos Dereitos e Liberdades afirma que non se pode construír a paz alimentado a guerra e demanda do goberno do Estado e da Unión Europea:

 

- A saída do Estado Español da OTAN e o desmantelamento das bases militares.

- A paralización da “forza de despregue rápido” e o que non sigan adiante co exército europeo.

- O fin do apoio á guerra, co retorno dos militares e a paralización do envío de armas.

- A saída negociada da guerra e a recuperación das relacións de boa veciñanza con Rusia.

- Medidas para un reequilibrio dos prezos, incluídos os da enerxía.

- A elaboración de políticas agrarias e alimentarias na base da soberanía alimentaria.

- Que na declaración da renda dispoñamos da opción de rexeitar que os nosos orzamentos se adiquen á guerra e á militarización.

- Que o goberno español e a Unión Europea abandonen o gasto militar, empezando por eliminar os orzamentos específicos para a guerra e adiquen o diñeiro público, o noso diñeiro, a crear emprego, eliminar a pobreza e reforzar os servizos públicos e o benestar social.

- Políticas públicas inmediatas que garantan o aceso de toda a poboación a unha alimentación sana, equilibrada e de produción local; a unha vivenda digna; á auga e a enerxía; en definitiva a todos aqueles bens que son imprescindíbeis para a vida.

- Establecemento da Renda Básica Universal

 

Fronte á escalada belicista, Berro Seco promoverá a rebelión mediante a campaña de obxección de conciencia entre a poboación e o debate entre a sociedade sobre as consecuencias da militarización e dos orzamentos de guerra.

 

Santiago de Compostela, 26 de Marzo de 2022.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Berro Seco co pobo Palestino!

Charla con LEILA GHANEM en Cangas. Berro Seco súmase a convocatoria e fai un chamamento a asistir ao acto con Leila Ghanem, que vai ter luga...